"Nacemos espidos e o demais é drag"
RuPaul
O drag antes e agora
Pode que o termo "drag" para algúns simplemente signifique "arrastrar" en inglés e para outros "vestido como unha muller". O certo é que na actualidade esta palabra de catro letras engloba moito máis.
O que comezou cos homes interpretando os papeis femininos nas obras de teatro da Antiga Grecia ou no Reino Unido decimonónico evolucionou nunha forma de expresión e creatividade para todo tipo de realidades.
"Fantasía e o demais" pretende amosar unha faceta de Galicia baseada na diversidade, no espectáculo e na arte drag. Arte que, pese á súa expansión crecente nos últimos anos, continúa cargada de prexuízos e descoñecemento e segue manifestándose na semiclandestinidade.
Esta reportaxe multimedia busca dar a coñecer o panorama galego, caracterizado pola falta de locais e a precariedade, á vez que descubrimos a distintas personaxes que viven de primeira man esta situación pero sen perder a ilusión por dedicarse ao que máis lles gusta: xogar co xénero.