Diferenzas dentro da fantasía: transformismo e drag
É importante distinguir entre transformismo ou travestismo e drag, pese a que habitualmente estes termos son empregados como sinónimos para referirse ás persoas que adoptan a apariencia tradicional do seu xénero oposto.
Por unha banda, os transformistas son artistas que se expresan mediante a roupa, a maquillaxe e o baile. Non adoitan aparecer en espectáculos, senón que é parte da súa vida diaria. Ademais, a diferencia dos drags, non se limitan a un único xénero e a unha personaxe fixa.
O transformismo deuse dentro do fenómeno do cuplé desde finais do século XIX e expandiuse durante os inicios do XX. Se ben ao principio tivo un compoñente xocoso, evolucionou ata basearse nas imitacións de estrelas normalmente do xénero oposto. Según Valeria Vegas, "o que buscaba o travestismo ou o transformismo clásico é facer unha imitación perfecta dunha muller e nas drag cada unha ten a súa propia performance".
Valeria Vegas: "O que buscaba o travestismo ou o transformismo clásico é facer unha imitación perfecta dunha muller e nas drag cada unha ten a súa propia performance".
Vegas ademais insiste en Vestidas de azul que non está relacionado coa transexualidade:
"Por entón a palabra travesti, ou incluso acentuada, travestí, era a que se empregaba para agrupar a transformistas e transexuais, sen recabar na diferencia de cada cal. A prensa recurría á palabra travesti para entrevistar por igual a unha muller transexual que a artistas como Paco España ou Ángel Pavlosky".
O drag é máis paródico e máis enfocado ao espectáculo. Adoita ser un home, aínda que cada vez hai más diversidade, que trata de imitar a apariencia e actitude femininas de forma esaxerada. Soen estar en bares nocturnos, cabarets ou concursos e imitan a artistas famosos, parodian a cultura pop e rompen cos roles de xénero. Levan bastante maquillaxe, traxes extravagantes e adoptan un nome e unha personalidade propia, con frecuencia distinta da persoa fóra do drag. Normalmente funciona como un alter ego que é fixo.
Daniela Ferrández, historiadora da Universidade de Santiago de Compostela que investigou sobre o transformismo escénico, afirma que "xorde con moita distancia temporal deste fenómeno (do transformismo), e se refire sobre todo á burla irreverente cara aos cánones normativos de vestimenta a través da performatividade escénica, moi influído por correntes culturais que chegaban desde os Estados Unidos".
Daniela Ferrández: "(O drag) refírese sobre todo á burla irreverente cara aos cánones normativos de vestimenta a través da performatividade escénica, moi influído por correntes culturais que chegaban desde os Estados Unidos"
A drag queen Psicosis Gonsales explicou a figura en 1996 para El País Semanal, cando o fenómeno xa estaba asentado en España:
"Unha raíña da noite que se viste con prendas chamativas para dar cor. […] O que existía antes de que eu chegara eran transformistas que imitaban a Lola Flores ou a Paquita Rico. Eu creei un novo estilo e unha personaxe que conxuga unha imaxe moi coidada no contrapunto de presentarme como a máis proca. Nos setenta, estaba Paco España; nos oitenta, Pavlovsky, e, nos noventa, estou eu".
Resulta tamén interesante a declaración da cantante española Alaska nunha entrevista dese mesmo ano:
"Unha drag queen é un rapaz que se viste de rapaza con moito glamour. Logo resulta que non é o mesmo travesti que travestido ou transexual nin drag queen. Isto é algo festivo, unha celebración. […] Para min a cuestión sexual non é tan importante, é dicir, non é tan importante que sexa un rapaz. Eu son moi drag, e son muller".
Porén, pese ás súas diferencias, Ferrández engade que teñen como denominador común que "cuestionan o compoñente de xénero da vestimenta".
Con todo, dentro do drag podemos atopar distintas tipoloxías, aínda que hai artistas que prefiren non clasificarse en categorías pechadas:
-
Fish Queen: drag moi feminina e sofisticada que busca parecerse o máximo posible a unha muller
-
Club Queen: drag baseada na tendencia imperante nos clubes de Nova York nos anos 80 e 90, moi colorida e única
-
Goth Queen: como xa di o seu nome "Raíña Gótica", só empregan brancos, negros e grises para o seu estilo
-
Dark Queen: semellante ao anterior tipo, máis ligada á estética do terror
-
Pageant Queen: drag centrada nos concursos de beleza, parecida á Fish Queen mais con cabelos voluminosos e vestidos espectaculares
-
Fashion Queen: drag adicada ao mundo das pasarelas e da moda
-
Big Queen: raíña plus size
-
Faux Queen: tamén coñecida como Hyper Queen ou Diva Queen, é unha muller biolóxica que se viste de drag queen
-
Androgyny Queen: tamén chamada Genderfuck Queen, tipo de drag moi andróxino que mestura características masculinas e femininas e borra os límites de xénero
-
Comedy Queen: ou Camp Queen, raíña cómica que destaca pola burla e a sátira e que adoita levar maquillaxes esaxeradas
-
Transdrag Queen: raíñas que están no seu camiño de transición de home a muller
-
Tranimal Queen: raíñas moi punk que adoitan levar roupas rotas, pelucas despeinadas, barba e lanuxe corporal
-
Activessle Queen: drag moi comprometida coas loitas sociais e que buscan recadar fondos para apoiar a causa
-
Mother Queen: ou Queen Mama, drag con moita experiencia que lidera e guía unha "familia" composta por drags novas
-
Baby Queen: aprendiz da Queen Mama, normalmente moi preparada e decidida para triunfar no mundo drag queen.
-
Drag King: normalmente é unha muller que asume roles masculinos e expresión masculina.
Destacar que, ademais, o drag ten unha xerga propia, a maioría procedente do ámbito anglosaxón e do contexto da cultura ball. Algunhas das máis coñecidas que incluso chegaron a fala cotiá son, por exemplo, facer shade ou ler a alguén (atacar a unha persoa verbalmente) ou a hora do té (compartir a opinión sen ningún filtro). Outras palabras que son máis empregadas polos artistas son tucking (agochar os xenitais), binders (agochar os senos) ou "montarse" referíndose ao proceso de transformación en drag.