top of page
2319_edited.jpg

As orixes da fantasía

O pasado do drag: teatro e racismo

Algúns investigadores pensan que a historia do drag se remonta ao teatro da Antiga Grecia, onde os homes interpretaban ás personaxes femininas ante a prohibición de actuar ás mulleres. Simon Doonan, autor de Drag: The Complete Story, afirma que esta práctica tamén se levaba a cabo no teatro kabuki xaponés e na ópera de Pekín nos séculos XVII e XVIII respectivamente.

Con todo, a orixe máis coñecida atópase no século XIX no Reino Unido, nos espectáculos de burlesque vitoriano. Nesta época, o teatro era un medio de difusión moi importante e o drag naceu como un elemento dramático para satirizar ás clases altas e para burlarse dos roles de xénero. Acompañábase con música e resaltaba connotacións políticas e sociais a través da comedia, a parodia e o uso de estereotipos

As_You_Like_It,_Act_5,_Scene_4_(Shakespeare)_MET_DP859576

Ilustración da obra Como gustéis (Wikipedia)

Nestas representacións tamén estaba presente o cross-dressing, que significa empregar a roupa e asumir unha apariencia e comportamento considerado por unha cultura determinada por ser apropiados para outro xénero. William Shakespeare tamén fomentou o cross-dressing no teatro isabelino, chegando incluso a convertelo en argumento principal cando a personaxe de Viola se disfraza de Cesario en Noche de Reyes ou Rosalinda transformada en Ganímedes en Como gustéis. Con estes exemplos atópanse mostras de que os indicios do drag king tamén parecían estar presentes.

Con todo, xa apareceran mulleres representando a homes en funcións teatrais durante a dinastía Tang media (619-908) ata a dinastía Qing, cando o emperador prohibiu que as actrices actuaran en 1722.

 

A historiadora drag Lady J sitúa o debut do drag na Inglaterra vitoriana de 1860 cando Ernest Boulton, do dúo Boulton and Park, describiu o acto de travestismo como drag, aínda que tamén se cre que o termo vén do verbo drag, que en español significa "arrastrar", en referencia aos vestidos e faldas que os artistas empregaban no teatro. A palabra queen, "raíña" en inglés, engadiuse a partir dos anos 60 como símbolo de poder. Outro significado é o acrónimo de "dressed as a girl", vestido como unha muller.

No século XIX en Estados Unidos tamén se facían espectáculos de xuglares racistas nos que podía aparecer un yaller gal, un home vestido como unha muller negra, para ridiculizar aos afroamericanos. Na década de 1880 o teatro popular evolucionou e estas obras comezaron a representar a glamurosas mulleres brancas mediante actores como Julian Eltinge.

No teatro e a ópera tamén había mulleres transformistas. Un exemplo foi a actriz Susanna Centlivre, que revolucionaba saíndo a actuar vestida de home no ano 1700. O primeiro imitador masculino popular no teatro estadounidense foi Annie Hindle, quen comezu a actuar en Nova York en 1867. Outras artistas coñecidas da época foron as británicas Vesta Hall, Ella Shields e Hetty King.

Vesta Tilley
Julian Eltinge

De esquerda a dereita: Annie Hindle (Wikipedia) e Julian Eltinge (Wikipedia)

A importancia da cultura ball

Para entender a posterior evolución do drag é necesario coñecer a cultura ball ou a cultura do ball drag.

A cultura ball ou bailes de drags apareceron no Nova York de principios do século XX según a autobiografía de Langston Hughes de 1940. Isto evolucionou ata formar unha comunidade de ballrooms no barrio neoiorquino de Harlem nos anos 70. Con todo, as súas orixes remóntanse a un século atrás.

Según o libro Trans Bodies, Trans Selves de Genny Beemyn, artistas drags negros e latinos decidiron organizar os seus propios concursos de travestismo ante a exclusión racial dentro do colectivo. Se ben algúns investigadores cren que as galas celebradas en Harlem comezaron en 1860, outros opinan que as festas de baile de William Dorsey Swann en Washington D.C. son a primeira mostra dos bailes drag.

Swann naceu en Marylan en 1858 como escravo e en 1882 comezou a organizar bailes de drags. Ademais foi o primeiro da historia en describirse como "raíña do drag". Según un informe sobre unha redada policial de 1888, os invitados de Swann levaban vestidos e tocados e competían nun cakewalk, un baile que os escravizados inventaran para imitar aos donos das plantacións.

Nos balls os asistentes bailan, fan voguing (un tipo de baile que consiste en imitar ás modelos da revista Vogue), desfilan, posan, fan lip sync (playback) e modelan en distintas categorías de drag e espectáculo para gañar premios. Moitos participantes tamén pertencen a grupos que chaman "casas", que son familias escollidas normalmente lideradas por unha "nai" que guía aos demais. De feito, esta dinámica adoptaríaa o drag coas súas familias.

A cultura ballroom gañaría popularidade cando é retratado no ano 1990 co documental Paris is Burning e co lanzamento da canción Vogue de Madonna ou máis recentemente en 2018 na serie Pose.

Unha forma de arte e protesta

Xa no século XX o drag evoluciona e pasa a ser unha expresión artística. En 1950 podíanse ver os espectáculos en lugares onde a clientela era principalmente homosexual ou nos bares gais. Ademais, tamén había mulleres que se vestían como homes para actuar, como a cantante Gladys Bentley, que actuou con roupa masculina en distintas cidades estadounidenses desde 1920 ata 1940. Outra revolucionaria foi Stormé DeLaverie, quen actuó en drag masculino e era a única intérprete feminina da compañía drag Jewel Box Revue durante as décadas de 1950 e 1960.

 

Estes son uns anos nos que semella que o drag consigue facerse un oco na sociedade, mais aínda había moita represión e moitos artistas acababan sendo detidos pola policía.

 

O ano 1969 marcou un antes e un despois na loita polos dereitos do colectivo LGTBIQ+. Na madrugada do 28 de xuño no bar gai Stonewall de Nova York a policía arrestou aos asistentes do lugar como un acto de represión e a comunidade decidiu alzar a voz.

37436579291_6ac60cb548_b_edited

Marsha P. Johnson (Flickr)

Marsha P. Johnson e Sylvia Rivera, unha drag queen e unha muller transxénero, iniciaron o movemento e formaron o Frente de Liberación Gai. Tamén fundaron a organización Activistas Revolucionarias Travestidas de la Calle (STAR en inglés), que axudaba a persoas en situacións vulnerables. Destacar que tamén se cre que DeLarverie foi a primeira en loitar contra a brutalidade policial, levantando así a revolución posterior.

Un ano despois dos disturbios de Stonewall, Johnson e Rivera foron as precursoras da primeira manifestación do Orgullo LGTBIQ+ na historia. Pese a que hoxe en día o drag continúa sendo unha forma de crítica e de protesta, é máis recoñecido pola súa faceta artística e performativa.

Un fenómeno de masas

Programas como RuPaul's Drag Race, concurso creado en 2009 pola drag queen RuPaul, quen se fixo mundialmente coñecido a finais dos anos 80 e a principios dos 90, popularizaron a disciplina. Tal é a importancia deste programa que logrou gañar vinte e seis premios Emmy e levou o formato desde os Estados Unidos a países como Canadá, Australia, Brasil, Reino Unido, Francia, Italia ou España, entre outros. Tamén destacan os concursos televisivos The Switch en Chile ou La Más Draga en México.

Grazas a esta expansión, hoxe en día o drag reúne unha gran comunidade de fans por todo o mundo e está presente máis aló dos escenarios na música, na moda ou no cine, sen tratar de abandonar o tinte político e revolucionario que o viu nacer.

flecha

Fai clic nos carteis para coñecer máis!

Con todo, pese a esta aparente tolerancia e popularidade, Tennessee convertiuse en 2023 no primeiro Estado de Estados Unidos en prohibir os espectáculos drag en público ou preto de menores de idade. Con multas de ata 2.500 dólares ou un ano de cárcere, que pode elevarse ata 6 anos en caso de reincidencia, esta lei busca "protexer ás infancias" según os políticos republicanos.

 

Porén, artistas afectados pola prohibición cren que se trata dun intento por eliminar á comunidade LGTBIQ+, sobre todo ás persoas transxénero.

Por outra banda, se ben as drag queens atópanse nun momento de visibilidade practicamente mundial, os drag kings continúan sumidos na minorización e o descoñecemento. En 1972 citouse por primeira vez de forma impresa o termo, un século máis tarde da denominación de Swann. En países como Australia a cultura tivo o seu auxe nos bares de lesbianas nas décadas de 1990 e 2000, pero desapareceu progresivamente durante a década de 2010.

Unha figura destacada foi a británica Diane Torr, quen facía talleres drag king en 1989 ofrecendo ás mulleres leccións para facerse pasar por homes tanto física como psicoloxicamente. Torr foi unha das pioneiras do dragkingnismo, xa entendido como unha arte.

bottom of page