Contexto español
O transformismo en España
O transformismo chega a España co século XX seguindo as tendencias europeas e co italiano Leopoldo Fregoli. Co seu éxito, aparecen outros como Ernesto Foliers, que seguiu ao francés Robert Bertin, ou Edmond De Bries que imitaban a grandes estrelas femininas.
Porén, os imitadores de estrelas non só foron homes. Había mulleres artistas, mais o transformismo era máis empregado como vía de supervivencia ao patriarcado que ceñía á sociedade. Por exemplo, no século XIX a galega Concepción Arenal adoptaba unha apariencia masculina para acudir ás clases de Dereito da Universidade Complutense de Madrid ou Elisa Sánchez, quen a comezos do século XX crea o alter ego de Mario Sánchez para poder casar con Marcela Gracia.
Co paso dos anos, o transformismo foi sexualizándose con artistas como Derkas, Mirko, Luisito Carbonell ou Freddy. Un local destacado da época foi La Criolla de Barcelona, o cal frecuentaban distintos transformistas, entre eles Flor de Otoño.
En locais de Madrid tamén estaban presentes estes artistas vestidos de muller con actitudes provocativas e sensuais, provocando en ocasións a desesperación de mulleres que pensaban que estes imitadores lles deixaban sen traballo. Coa proclamación da República, houbo unha maior liberdade, mais co final da Guerra Civil e coa chegada do franquismo, este tipo de espectáculos foron prohibidos. Algúns como Derkas continuaron como modistos e outros como Mirko actuaban como homes.
De esquerda a dereita: Edmond de Bries (Wikipedia) e Elisa e Marcela (Wikipedia)
A posguerra levouse a Miguel de Molina, artista que non se vestía de muller mais non seguía a masculinidade imposta, e posteriormente cantantes como Tomás de Antequera, Antonio Amaya, Rafael Conde 'El Titi' ou Pedrito Rico decidiron imitalo, o que lles xeraría problemas e censura.
Neste contexto, hai unha ausencia do transformismo en España, salvo nalgunhas obras de teatro e películas figurando de forma grotesca e humorística. A maiores, en 1954 refórmase a Lei de Vagos e Maleantes, na que a homosexualidade aparece como delito.
En 1961 estréase a película Diferente de Luis María Delgado, que logra burlar a censura e na que aparecen insinuacións homosexuais e travestismo. Neses anos comezan a aparecer espectáculos con travestis en Barcelona con nomes como Lorena Loys, La Margarita ou Violeta la Burra. Os locais máis destacados foron o Copacabana, o Gambrinus, o Barcelona de Noche, Whisky Twist ou La Bodega.
En 1970 outra lei pon en perigo os avances do colectivo, a Lei de Perigosidade e Rehabilitación Social, que trataba de "frear o aumento da homosexualidade". Con todo, iniciouse unha mobilización polos dereitos das persoas homosexuais e do colectivo LGTBIQ+ e o travestismo déixase ver en locais semiclandestinos ou no cine e o teatro.
A partir da morte de Franco, en Madrid aparecen varios locais como o Centauros, Sacha’s, Dimas ou o Gay Club. Neste último consagrouse Paco España, un dos maiores referentes do transformismo do país, e actuaron outros como Ángel Pavlovsky e Pierrot. Outros locais eran El Molino de Barcelona, El Molino Rojo de Madrid, a Esmeralda de Sevilla ou o Bataclán de Sevilla.
De esquerda a dereita: o Gay Club de Madrid (Shangay) e Paco España (Revista Mine)
Pouco a pouco, este mundo comeza a ser cada vez máis coñecido polos españois. Publicacións como Papillon, Party ou Lib comezan a falar dos travestis, que naquela época este termo empregábase para referirse tanto ás persoas que se atopaban nun proceso de transición como ás que só se vestían como mulleres para actuar.
A mediados dos oitenta, hai intentos de renovar os espectáculos e algúns artistas comezan a aparecer en películas como Fama ou La Otxoa, que actúan en La muerte de Mikel (Imanol Uribe, 1984). Cómpre destacar tamén cintas como Vestida de azul (Antonio Giménez-Rico, 1983) ou La tercera luna (Gregorio Almendros, 1984).
Outros artistas destacados foron Madame Arthur, DiCarlo, La Esmeralda de Sevilla ou La Margot.
Fai clic nos carteis para coñecer máis!
O drag en España: de Priscilla, reina del desierto a Psicosis Gonsales
Falando do fenómeno drag propiamente, este chega a España na década dos 90 co éxito da película Las aventuras de Priscilla, reina del desierto (Stephan Elliott, 1994). Esta figura da drag queen é unha personaxe máis sofisticada, unha performer con vestiario e maquillaxe moi coidados.
Aparecen en distintos lugares, normalmente como animadores en festas e gogós. Nesta época destaca Psicosis Gonsales, "a primeira drag queen mediática que tivo España a principios da década dos noventa", según a xornalista e investigadora Valeria Vegas.
Porén, o movemento trans e travesti non pode ser entendido sen mencionar ás vedettes La Veneno e Carmen de Mairena, quen mediante a estética esaxerada e a súa fala descarnada revolucionaron o panorama mediático da década dos noventa e visibilizaron á sociedade máis queer, aínda bastante agochada.
Se ben os fenómenos artísticos que buscaban xogar co xénero se atopaban na clandestinidade e na invisibilidade, actualmente hai un maior prestixio e recoñecemento que permiten a súa práctica libre. Festas como Shangay Tea Dance, pioneira do movemento drag, En Plan Travesti, Que Trabaje Rita permitiron abrir camiño a novos talentos e axudaron a difundir nomes do pasado.
En 2001 unha drag queen irrumpe na pequena pantalla para presentar o programa MTV Hot. Se ben cando Deborah Ombres apareceu na televisión o drag xa estaba instaurado en España, nunca se dera a situación de que esta figura exercera como presentadora cun espazo propio.
Ademais, ese mesmo ano publícase Alto Standing, o primeiro disco que reunía a distintas drags, travestis e cabareteiras do panorama nacional e que reivindicaban a súa disidencia sexual. As canciones foron gravadas entre 1985 e 2000, seleccionadas por Luis Miguélez e interpretadas por Psicosis Gonsales, La Prohibida, Belén Ventura, Glamour to Kill, La Plástika, Jill, La Bella Tatoo, Josephine, Paranoika González e o dúo Diossa e Malyzzia.
Drags españolas no Orgullo de Madrid de 2021 (EFE)
Na actualidade algunhas das drags que prestaron a súa voz en Alto Standing e outras como Nacha la Macha, La Plexy, Kika Lorace, Yogurinha Borova, Chumina Power ou Supremme De Luxe, quen presenta a versión española de RuPaul's Drag Race, buscan crear camiño para a seguinte xeración queer.
Ademais, cómpre destacar a Gala Drag Queen das Palmas de Gran Canaria, un concurso que se inclúe dentro da programación do Carnaval das Palmas que se celebra desde 1998. Neste certame os participantes presentan un número musical que mesture estética, baile, interpretación e incluso acrobacias mentres fan "lip sync" ("playback").
De feito, tal é a importancia da Gala Drag que en 2008 a drag RuPaul actuaba como artista invitada e un ano despois creaba o multipremiado programa televisivo RuPaul's Drag Race, que tamén contén competicións de baile e lip sync.
Máis recentemente, tamén destaca a iniciativa de Sara Rodríguez, quen creou en 2022 a través do seu traballo de fin de carreira o Colectivo Drag King España, o primeiro proxecto drag, feminista e ambulante do país. Mediante a realización de talleres formativos, charlas e espectáculos que buscan que as persoas atopen a súa masculinidade interior, serviu como apoio á visibilización de novos artistas do dragkingnismo. Na actualidade únese ao Colectivo Marcus Massalami, pioneiro do drag king en España.