top of page
1-queenpostelas-d711d86_edited.jpg

Contexto galego

O transformismo escénico en Galicia

Coa chegada do transformismo escénico a España a finais do século decimonónico non era de estrañar que esta práctica terminase por implantarse en Galicia. Pouco a pouco, homes e mulleres vestíanse e actuaban en espectáculos representando a personaxes do seu propio xénero ou do oposto.

O principal difusor foi o italiano Leopoldo Fregoli, pertencente ao xénero das varietés e que subía aos escenarios para vestirse de muller. Fregoli, quen xa era recoñecido en distintos países europeos, visitou Galicia en 1914 para actuar en Coruña e en Ferrol e logrou calar ata na linguaxe cotiá como un sinónimo de rápida transformación, principalmente política.

Partindo desta crecente popularidade, a visita de Fregoli a Galicia constituíu un acontecemento importante, e é que o transformista foi recibido por autoridades locais como o tenente de alcalde de A Coruña, Manuel Puga. Con todo, tamén espertou a crítica de xornais que calificaban as súas accións como inmorais.

Leopoldo Fregoli Europeana
prensa_0450

De esquerda a dereita: Leopoldo Fregoli (Europeana) e Leopoldo Fregoli (cun caravel no peito) con Manuel Puga nun número da revista Vida Gallega de 1914 (Galiciana)

Grazas ao éxito do italiano xurdiron unha serie de imitadores entre os que destacan os artistas galegos Alfredo Nan de Allariz, Luís Pardo Agudín ou o monfortino Julio Rodríguez "Jules", tamén coñecido como "o segundo Fregoli" a principios do século XX.

O paso de Fregoli por Galicia tamén deixou unha serie de espectáculos. A Sociedade de Traballadores de Monforte en 1901 acolleu un espectáculo no que se imitaron números do transformista, en 1903 un neno representaríao nunha función escolar en Amio e en 1908 outro reproduciría as obras do artista italiano nunha obra benéfica en Ferrol.

Posteriormente, en 1928 a programación do festival humorístico promovido pola Asociación Pro Escuelas Unidas de Sarria incluiría imitacións do transformista e tamén o fixo a comparsa de Entroido ferrolá "Los caballeros del siglo de oro", que naceu para representar espectáculos de transformismo inspirados en Fregoli.

Durante o primeiro terzo do século XX Galicia convértese en territorio de paso obrigatorio para os homes, sobre todo, e mulleres transformistas que comezaban a gañar fama internacional. E é que había mulleres transformistas, mais existían en menor medida. Daniela Ferrández, quen investigou o transformismo escénico en Galicia no seu libro A defunción dos sexos, destaca que "a súa propia existencia ten un valor engadido por mor de que neses contextos o traballo visible por parte das mulleres -e non esquezamos que o transformismo era un traballo- estaba dificultado pola norma social que as presupuña como anxos do fogar".

Nesta época achegábanse artistas doutros puntos de España, de Europa e de América para actuar nunha serie de salas, teatros e cabarets galegos. Lugares como o teatro Jofre de Ferrol, o Tamberlick de Vigo, o Salón Varietés de Vilagarcía, a Sala Apolo de Compostela, o Cine Moderno de Monforte, o Circo Teatro de Lugo ou o Pabellón Lino da Coruña convertéronse en referentes do transformismo e en instrumentos para "contribuír a que este xénero se puxera de moda", afirma Ferrández.

Destacan o mexicano Rafael Arcos, os italianos Donini e Giuseppe Minuto, o portugués Silva Carvalho ou Tina Parri, "La Fregolina". Estes artistas non só actuaban en teatros, senón que tamén levaban a súa fantasía a festas locais e verbenas populares.

prensa_0046

Tina Parri, "La Fregolina", nun artigo da revista Vida Gallega en 1909 (Galiciana)

A finais da primeira década do século XX, o transformismo evoluciona convertendo o seu carácter burlesco nun espectáculo no que homes procuraban a feminidade e a imitación de mulleres artistas concretas. O corpo e a súa transformación convértense no elemento principal das representacións, xunto cos traxes e os accesorios dunha maneira máis semellante ao transformismo actual. Os artistas trataban de parecer mulleres por completo, rompendo as barreiras de xénero.

Nesta nova tendencia é clave a xira no país de Ernesto Foliers en 1908, considerado por Juan Carlos Usó como "o primeiro transformista español". Tras actuar en Madrid, Foliers chegou á Coruña para debutar no Salón París en setembro dese ano e permanece una cidade ata mediados de outubro.

Tras pasar por Logroño, Foliers volveu a Coruña en decembro ata mediados de xaneiro de 1909, cando traslada a súa actuación ao Círculo das Artes de Lugo. A partir deste momento, ademais de continuar coa súa xira por outras Comunidades Autónomas, esperta o interese noutros puntos de Galicia como Ourense, no Palacio Luminoso, ou Santiago de Compostela, no Cine Fraga, onde permanece un mes.

Porén, artistas como o propio Ernesto Foliers ou Edmond de Bries foron obxecto de críticas en distintos xornais que logo eran trasladadas aos espectáculos mediante frases e xestos. Pese ao recoñecemento do público, o feito de que un home ou unha muller actuase coa vestimenta do sexo contrario era perseguido polas autoridades.

Ernesto Foliers
prensa_0566

De esquerda a dereita: Ernesto Foliers (Cuplets.cat) e unha tira cómica no xornal El Ideal Gallego en 1931 (Galiciana)

Según Ferrández, "o transformismo e o resto de manifestacións culturais disidentes cuestionaron a normatividade sexo-xenérica, e polo tanto foron obxecto de censura por parte dos movementos políticos que tentaron restaurar a moralidade católica imperante".

Outros nomes da época foron Derkas, Bertín, Vianor e Freddy, entre outros. Se ben o transformismo continuou durante a ditadura de Primo de Rivera grazas a unha aparente tolerancia occidental á homosexualidade, o golpe de Estado de 1936 e a ditadura franquista fixo que en España e en Galicia este fenómeno practicamente desaparecese.

O rexurdir das cinzas

Cando parecía que o transformismo se borrara do mapa por completo, en agosto de 1978 celébrase en Vigo, nun restaurante na praia de Samil, a primeira "Festa gai de Galicia", un evento con cea, concursos de beleza e desfiles de disfraces coa intención de configurar o lugar como un espazo de expresión y diversidade. Este local acolleu a persoas transexuais e a transformistas da noite viguesa como Manolito Soler, quen foi homenaxeado, e do resto de España como Francis ou Paco España.

A presenza destes imitadores de estrelas como Lola Flores ou Paloma San Basilio en contextos como os da "Festa gai" lograba recuperar o transformismo escénico que aparecera en Galicia corenta anos atrás con Fregoli, Foliers ou De Bries.

Nestas épocas a cidade olívica e, sobre todo, a praia de Samil, xa se consolidara como un destino no que moitos mozos homosexuais galegos atopaban a liberdade e había unha gran cantidade de transformistas e persoas transexuais que se dedicaban á prostitución e ao espectáculo. Esta intensa vida nocturna cos cabarés de Samil aparecera nos anos 50 e 60 pola súa situación como porto importante no Atlántico, cando Soler xa comezaba a actuar.

prensa_1511
Travestis. Amarrados al mundo del espectáculo.

De esquerda a dereita: Unha reportaxe sobre primeira "Festa Gai" de Galicia no xornal El Pueblo Gallego (Galiciana) e a reportaxe sobre as mulleres trans de Vigo na revista El Pope (Daniela Ferrández)

Samil tamén constituíra un lugar onde tiñan cabida as mulleres transexuais nos cabarés, situación que retratou por primeira vez en Galicia unha reportaxe da revista El Pope. Nesta peza, unha das seis entrevistadas aclaraba que non eran travestis, xa que non adoptaban unha identidade para actuar, senón que vivían todo o tempo como mulleres e imitaban a mulleres como Marilyn Monroe, Sara Montiel ou Rocío Jurado.

 

Nos dous anos posteriores á primeira festa gai de 1978 non hai probas de máis eventos semellantes, aínda que probablemente se celebrasen na clandestinidade. Co obxectivo de acabar con esta situación de invisibilización asociada ao ambiente nocturno e a barrios específicos, a Coordinadora de Colectivos Gai de Galiza (CCGC), organización que loitou pola liberación homosexual, decidiu retomar o impacto da primeira festa coa convocatoria de novos encontros en Vigo en 1981.

A primeira organizouse na Noitevella dese ano, na que estivo igualmente presente o transformismo, a música e o sentimento de comunidade, mais tratando de que tamén acudisen persoas que, sen ser do colectivo, estivesen en contra da opresión. Seguindo o estilo da festa de Noitevella, planificáronse outras como a "festa gai de Carnaval" o 28 de febrero no Casa Pepe de Vigo.

Queenpostelas

As Queenpostelas no Luar (Facebook)

Nos anos 90 chega o fenómeno drag a España e "os colectivos LGBTIQ+ emprégano como unha práctica de cuestionamento da norma social á vez que un espazo de divertimento", afirma Ferrández. Nestas épocas, en Galicia aparecen nomes como Penumbra González, Mari Cruz de la Croix, la Mujer Venecia, Elvira la Galáctica, Visiosa Aghrú ou Hilaria la Proscrita, do grupo as Queenpostelas.

As Queenpostelas destacaron ademais por aparecer nesas épocas na Televisión de Galicia a través do programa Luar, constituíndo unha das primeiras aparicións de artistas drags na pantalla galega. En 1992 o referente Cristian de Samil, quen se denomina transformista e chegou a actuar no local Centauros e a aparecer na película Vestida de Azul, asinaba un contrato de exclusividade para actuar co Hotel Samil que duraría ata 1996, cando lle propoñen convertirse no propietario da sala dos seus espectáculos.

bottom of page