
Fai clic para coñecer máis!
O interese de Javier Eijo Perales polo drag comezou de pequeno co Entroido e a Gala Drag das Palmas de Gran Canaria, cando incluso imitaba algunha das actuacións, e logo se estendería co programa de RuPaul’s Drag Race. O que o burelense non sabía é que anos máis tarde formaría parte da popular franquicia coa súa personaxe: Marisa Prisa.
Marisa Prisa naceu aproximadamente hai 6 anos como a invención dunha señora da vila que ía á festa e a través das redes sociais logrou darse a coñecer, mais a personaxe aínda non estaba desenvolvida. Foi cando a invitaron a un evento que Javier soubo que tiña que pulila.
O nome de Marisa escolleuno por ser de señora e o apelido "Prisa" chegaría despois de que nun evento o dixeran mal. O burelense defínea como "unha señora de vila que quere ser unha muller florero americana".
O 27 de marzo de 2022 Atresplayer estreaba a segunda tempada do exitoso concurso Drag Race España e Marisa Prisa aparecía en pantalla facendo referencia ao traxe rexional e cun cesto de pementos de Padrón, converténdose así na primeira drag queen galega no concurso. "Non sabía que había drag en Galicia", bromeaba Estrella Xtravaganza, outra das concursantes, despois da súa entrada. A estrea conseguía ese día un 36% de share social e crecía un 50% máis con respecto á edición anterior.
Para chegar ao programa contactaron con el por redes: "Ao principio non pensaba en presentarme porque non cría que tivese á miña personaxe tan evolucionada para ese nivel, pero á vez pensei se están contactando comigo por que non?", conta. Javier decidiu confiar en si mesmo e facer o casting para a primeira tempada, mais non entrou. Finalmente, avisárono para a convocatoria da segunda edición e preparouse de novo. O resto é historia.
Varios vídeos de presentación, entrevistas con redactores, psicólogos e directores deron lugar a un mes de preparación dos vinte conxuntos de roupa para o programa. O lucense recorda esa etapa como caótica: "Eu decidín facerme todos os looks. Cosino eu todo sen apenas axuda e estando no meu pobo. Só contei con dúas amigas de aquí que viñan a darme apoio moral". A día de hoxe pensa que o faría dunha forma distinta e investindo máis tempo e cartos. Cartos é, sobre todo, o que hai que estar disposto a dar nun concurso de tal calibre. Unha investigación da revista estadounidense Vice publicou que a maioría de drag queens de RuPaul's Drag Race gastaran de media entre 4.000 e 20.000 dólares en maquillaxe e vestiario.
Tras esa época frenética na que puxo a proba os seus coñecementos de deseño de moda, chegou o mes e medio de gravación dos capítulos e de promocións. Neste momento a vida de Marisa Prisa e, por tanto, a de Javier, acababa de cambiar por completo.
Marisa Prisa: "Drag Race é un reto para ti mesmo como artista e supón unha evolución para ti".
Coa categoría "Símbolo y reina de tu ciudad" presentou un traxe inspirado na cuncha do peregrino e outro na cantante Marta Sánchez, mais non logrou convencer ó xurado, polo que tivo que facer un lip sync da canción Todos me miran de Gloria Trevi para tratar de salvarse contra Samantha Ballentines. Pese aos esforzos, o episodio remataba con Supremme de Luxe dicíndolle "Sashay, te vas" e Marisa despedíndose co típico "Marcho, que teño que marchar" galego.
Pese a ser a primeira drag expulsada, outorgáronlle título "Miss Look Perdido", que recoñeceu o seu gran traballo como deseñador cun vestido que interpretaba a pintura de Picasso. Ademais, non impediu que lograse acadar éxito a nivel nacional e internacional. Marisa Prisa formou parte da xira de Drag Race, El Gran Hotel de las Reinas, que foi a máis longa que se fixo ata o momento.
Desde agosto a decembro de 2022, Marisa Prisa actuou en 17 cidades de España, entre elas Vigo e A Coruña, co resto do elenco e a vedette Paca la Piraña. Para o espectáculo ofreceu unha homenaxe ao Nacemento de Venus mentres facía un lip sync de Applause de Lady Gaga e de Terra de Tanxugueiras, sempre representando a Galicia por diante. O burelense rememora esa etapa como cansa e de moito traballo, pero pensa que valeu a pena: "O que máis sufriu foi a miña barba, porque había semanas nas que tiñas que afeitarte de mércores a domingo", bromea o burelense.
Tras percorrer o país, Javier cre que hai un antes e un despois do concurso e pensa que ademais serviu para expandir o drag entre persoas non pertencentes ao colectivo LGTBIQ+. De feito, durante a xira sorprendérolle distintas situacións como ver persoas maiores no espectáculo ou ter éxito en certos lugares. Recorda que en Valencia ata tiveran que escoltalos pola emoción do público.
Pese a esta evolución, afirma que "ser drag a día de hoxe está un pouco mellor visto, pero aínda así implica moitas cousas negativas" e é que aínda aínda hai xente que xuzga ou non o acepta dentro do seu círculo. "É complicado e duro, pero a min gústame velo como algo que che reforza a ti mesmo como persoa", engade.
Na actualidade, Marisa Prisa acumula máis de 20.000 seguidores en Instagram, acudiu a distintas estreas de series e películas e a eventos como o DragCon 2023 en Reino Unido, fixo colaboracións con distintas marcas e actuou no espectáculo Le Grand Burdel en Torremolinos. Incluso sacou un single, Sácame a pasear, e chegóuselle a ver compartindo foco coa cantante Alaska ou co actor e director Eduardo Casanova. Porén, non todo é de cor rosa.
Marisa Prisa: "Vivir nunha cidade grande como estar todo o tempo de eventos é moi sacrificado".
Afianzándose como artista logrou o que outros moitos do gremio soñan: vivir do drag en Madrid, mais hoxe en día prefire unha vida máis lenta desde a súa Burela natal para mellorar a súa estética e pensar máis en si mesmo. Ademais, destaca o caro que é vivir nas grandes cidades.
Facendo balance e pensando no que lle catapultou á fama, Javier non descartaría volver ao programa co formato de All Stars, que reúne a participantes de edicións pasadas, mais dependería da súa situación económica e mental. O que ten claro é que se participase "iría a por todas".
Pode que Marisa Prisa nacese como broma para as festas locais e acabase supoñendo unha fonte de autoestima e ingresos para Javier Eijo Perales, mais tamén foi a primeira drag galega nun programa de tal influencia. Pouco a pouco, o panorama en Galicia continúa medrando con cada vez máis artistas e, mentres tanto, Javier espera con ilusión "que algunha outra drag galega entre e o faga perfectamente". Porque si, hai drag en Galicia.