
Fai clic para coñecer máis!
O actor Nicolás Martínez Otero tivo o seu primeiro contacto co drag cando entrou a traballar para o transformista Cristian de Samil. Primeiro actuaría nunha obra de teatro infantil e logo pasaría ao espectáculo que facía no antigo Hotel de Samil. Exercendo de camareiro e cañonista, o vigués recorda observar as perrucas e as batas de cola e marabillarse co que Cristian facía desde o escenario da súa impresionante sala. Ao ver aquilo, Nicolás, que por aquel entón aínda non pasara pola súa transición de xénero, pensaba que tamén habería mulleres que se vestían de homes e que podería facer algo semellante.
En 2012 acudía a Internet para ver se atopaba transformistas mulleres. Nada máis lonxe da realidade. Porén, buscando drag queens, deu co termo drag king e unicamente exemplos estadounidenses como Spikey Van Dykey ou Damien D'Luxe, os que ten de referentes. "Co tempo dinme conta de que en España si había drag kings e estaban facéndose cousas, o que pasa é que a arte drag king está máis sumerxida e é máis discreta", di o vigués. Xa coñecendo o nome do que quería facer, Nicolás comezou caracterizándose e montando coreografías na súa casa. Deste xeito tan caseiro e "da antiga escola" comezaba na arte drag king un referente futuro.
Na creación de Nico Elsker el distingue dúas fases. Ao principio, buscaba os rasgos masculinos perfectos e seguía o estilo dandy romántico inspirándose en artistas como Chayanne ou Luis Miguel. Cando Nicolás adoptaba a imaxe e o rol dun home enchíase de seguridade e notaba que moitos pensamentos que tivera no pasado cobraban sentido para el. Nese momento decidiu comezar a súa transición de xénero. "Ser drag king aportoume ser quen son", di. Porén, foi nesa época cando sufriu unha crise interna que case fai que abandonara o drag, ao non atoparlle o sentido de autoexploración que tiña antes para el.
Agora busca xogar coa fantasía e ir máis aló da simple masculinidade incluíndo flores, formas e cores. Con todo, hai xente que non entende por que continúa interpretando algo que xa é. Considera ademais que drag en si é o Nico Eslker de agora e que antes era travestismo, o seu desexo e necesidade por proxectar a súa masculinidade interior e crear a un home realista.
Desta maneira, Nico Elsker é outra mostra de que non importa o xénero para facer drag, como é o caso das coruñesas Lola ou Kelly Amethyst, que son dúas mulleres trans dedicándose ao dragqueenismo.
Na compañía teatral travesti de Vigo, Marinita y sus Maromas, interpretaba a Nicolasa, a señora da limpeza dun prostíbulo que acababa convertíndose en Nicolás, un latin lover. Colleu ese nome para o seu drag king, e máis tarde para el mesmo, e a palabra "elsker", "amor" en noruego, como apelido. "Nico Elsker comezou como un alter ego e agora todo o que fai de drag e cabareteiro vai agrupado baixo ese nome", conta o actor. Ademais, cre que non é unha personaxe e aínda está en construción.
Marinita y sus Maromas e, sobre todo o seu creador, Edu Domínguez ("Marinita"), marcaron un antes e un despois na vida de Nicolás. Creada hai máis de dez anos, na actualidade é a única compañía de teatro travesti de Galicia e unha das poucas de España.
Edu comezou no transformismo a finais dos anos 90, cando o fenómeno drag comezaba a latexar no país, e desde o primeiro momento soubo que non quería seguir a norma. "O meu estilo sempre foi, menos feminino, moi andróxino", conta Edu, quen fai playback das cancións de Manolo Escobar ou de Julio Iglesias sobre o escenario interpretando a Marinita Calleja, cos seus vestidos e as súas maquillaxes mais, iso si, sen perruca.
A el sempre gustoulle o teatro e o cabaret e, en lugar de esperar a que o contratasen, decidiu montar o seu propio espectáculo, no que sempre incluíu ás personaxes travestis. "Tamén o empregamos para reivindicar e loitar polo papel das mulleres e de todas as minorías, sempre desde a comedia", afirma.
Cando Nicolás se converteu nunha das "maromas" en 2014 a compañía estaba formada por Edu, quen facía lip syncs sobre o escenario, con outras dúas rapazas que eran as coristas e que ás veces se masculinizaban. Na actualidade os membros que compoñen a compañía son Leonor Sangabriel, Roberto Casal, Carolin Sanders e, por suposto, Edu e Nicolás.
Posteriormente, decidiron dramatizar os espectáculos e montaron obras de teatro. En 2018 xurdían os "Miércoles travestis" e cada 15 días en distintos café teatros e bares estreaban unha función nova coas mesmas personaxes. Nicolás recorda esa época como moi intensa e cansa ao ter que estar creando constantemente. Agora están co cabaret, que lles permite seguir contando historias pero dunha forma máis sinxela, e actúan unha vez ao mes no Auditorio Cívico de Teis, onde antes só ensaiaban pola gratuidade do seu aluguer.
"A primeira actuación funcionou moi ben de público e Fita, a nai de Leonor, encargouse de avisar a todas as súas amigas do barrio de Teis. Isto provocou un efecto cadea e, debido ao éxito, decidimos establecer as actuacións mensuais e nunha residencia fixa", recorda Edu. Éxito sobre todo entre as mulleres de 40 anos, quen son as súas seguidoras máis fieis. Porén, "Marinita" comeza a notar un interese crecente entre os xoves.
Sendo actor e tamén dando clases de teatro e de danza, non é de estrañar a forte vinculación que ten Nicolás coas artes escénicas, as cales fixeron que comezase co drag e trata de incluír en todos os seus espectáculos.
Nico Elsker: "Fago moita apoloxía de que o drag sexa considerado unha arte escénica".
O vigués tamén imparte talleres drag king, nos que explora a masculinidade e amosa como esta pode empoderarnos. Recorda un en particular no que traballou con mulleres que facían burlesque e que, ao verse vestidas de homes, adoptaban unha personalidade completamente distinta. "Se por poñerte catro cabelos no bigote e pintarte así notas ese poder é que o tes sempre, e está asociado a un xénero porque nós queremos", afirma Nicolás.
A formación imponlle e cre que aínda ten moito que aprender, pero en 2020 decidiu aceptar outro reto no que tería que volver exercer de mentor.
Ese ano Nicolás atópabase na crise que fixo que se cuestionase a súa continuidade no dragkingismo. Foi nesa etapa da súa vida, durante un directo de Instagram, cando coñeceu e se ofreceu a axudar a Grey Olivera, quen quería comezar na disciplina. Así, mediante a creación de Aymar Note, Nicolás recuperou as forzas e a ilusión, pese a que ao principio se sentía reticente ante tal responsabilidade pensando que sería "un desastre". "Eu non tiven a ninguén que me ensinara e tiven que aprender só, polo que me gustou a idea de que tivera a alguén a man que lle aconsellara", conta o vigués.
Posteriormente exercería este rol de "pai king" coa súa compañeira de teatro Leonor Sangabriel e crearía a personaxe de Leonardo Fiebre. Ambas están completamente agradecidas pola labor de Nico, mais el defínese a si mesmo como "pai ausente". Na actualidade, traballan os tres en equipo para sacar adiante a Gala Drag King ano tras ano.
A primeira Gala Drag King foi organizada en 2018 a través de Marinita y sus Maromas e os "Miércoles travestis", aos que cada semana acudía un artista invitado. Partindo desta idea, Nicolás propuxo que a última fose unha gala centrada nos drag kings a invitaron a dous de Santiago de Compostela, Johnny Pistolas e Shedy Boy, agora inactivos, que ata se pediron matrimonio aproveitando o evento. Esta foi tamén unha das primeiras veces nas que Nico Elsker se subía a un escenario.
Tras anos de abandono, en 2022 Aymar Note animaríao a rescatar a proposta ata ser o que é agora: a única gala deste tipo en Galicia e unha das poucas en España. Desta forma, moitos artistas, locais e nacionais, atopan no barrio vigués de Churruca un espazo propio onde poder expresarse libremente.
Nico Elsker: "A miña idea sería abrilo e que todo o mundo o descubrise".
Contando con drag kings a nivel nacional como Marcus Massalami ou Aytor Menta, recorda que a última gala tivo tanto éxito que ata había xente na rúa, mais cre que sobre todo foi debido ao espazo da sala na que a celebraron, a Kominsky. Este ano pretenden levar o evento máis alá e estendelo ata os dous días, a modo de festival con talleres e distintas actuacións, contando ademais coa sala A Fábrica de Chocolate.
"O que máis me gusta do drag king é a irmandade e empregar esa ferramenta como autoexploración e reivindicación", di Nicolás. Porén, é moitas veces ese carácter social que ten intrínseco o que provoca que se invisibilice mesmo dentro do drag, unha arte que xa de por si sofre discriminación e se coloca en locais que non axudan na súa valoración.
Precisamente o dos espazos é un problema que atopa en Galicia ao non haber locais que contraten drag ademais do Claro Boba. "Aquí tes poucas opcións. Ou montas algo pola túa conta, alugas unha sala e vas a taquilla, entras nalgún festival ou contrátate un concello", afirma o vigués. "Eu teño no cabaret de Marinita un espazo para facer drag king constantemente, pero igual hai moita xente que non o entende ou se fai monótono", engade.
Pese a estes lastres, Nicolás Martínez Otero forxou o seu drag king sen ter practicamente referentes e sen saber que no futuro Nico Eslker exercería ese rol para os que chegarían despois. Espera que pouco a pouco a comunidade drag king aumente e que máis xente se atreva a xogar coa masculinidade, algo que a el lle cambiou a vida por completo.