
Fai clic para coñecer máis!
Durante o confinamento de 2020 moitas persoas aproveitaron para deixar saír o seu lado máis artístico. Unha delas foi Grey Olivera Piperno, nada en Uruguai pero residente en Vigo. Casualmente, un día dese confinamento decidiu conectarse a un directo que facían varios drag kings e comezar a explorar ese ámbito.
Seguindo os consellos que lle daba un drag king que se animou a axudala, primeiro telematicamente e despois en persoa, Grey foi aprendendo o que precisaba para crear á súa personaxe. Neste proceso tamén empregaría un caderno no que escribiría as cousas que lle gustaban e as que non e todo o que quería expresar. "Basicamente quería atacar os estereotipos, os roles de xénero e o patriarcado", conta.
Desta forma, creou a Aymar Note, "un rapaz gai ao que lle encanta a purpurina e o rosa, algo que a min non me gusta nada. Penso que é bastante reivindicativo, aberto e non lle gustan nada os fachas". Defíneo en xeral como un home bastante feminino.
Colleu o nome vasco de "Aymar", porque significa "casa en construción" e sentía que estaba construíndo e deconstruíndo algo, e "Note" polo seu gusto pola música. Ten como referentes ao drag que o axudou, a Marcus Massalami e ao resto de compañeiros de gremio. "Para min o drag é unha forma de expresarme e criticar á sociedade dunha forma artística, performática e desde o humor", di a viguesa.
Aymar Note debutaba en agosto de 2020 cun vídeo caseiro no que facía un lip sync da canción feminista Siempre viva de Rebeca Lane, deixando entrever o seu compromiso e a súa crítica. A interpretación de Aymar era unha das que conformaba o espectáculo virtual de Apocalíptica Drag Show e repetiría no seguinte e último que fixeron en decembro de 2021.
Apocalíptica consistiu nunha plataforma para visibilizar o traballo de artistas drag sobre todo da zona de Vigo. Foi creada polas drags Endis Neer e Di Sashta a finais de 2019 coa idea de organizar eventos en directo, mais coa chegada da covid-19 non foi posible e decidiron emitir espectáculos de drag en dixital xa en 2020. Paralelamente, crearon un podcast homónimo con distintas entrevistas a artistas, o cal constitúe unha boa fonte documental.
Máis adiante, tiveron a oportunidade de facer un espectáculo en Lugo nunha galería e no Claro Boba da Coruña con algunhas das integrantes. Benjamín Martínez (Endis Neer) recorda que eses meses de 2021 e 2022 despertaran bastante interese entre os medios de comunicación galegos: "Durante esa época visibilizouse bastante o drag en Galicia grazas a Apocalíptica e a outras iniciativas que estaban acontecendo".
Nestes momentos atópase nunha pausa, mais todo o que fan Endis e Di Sashta o agrupan baixo o paraugas da marca. Porén, non contan con que volvan os shows virtuais podendo facelos en vivo.
Grey é tamén traballadora social, aínda que non exerceu a súa profesión ao estar estudando un máster en Estudos de Xénero e Políticas Públicas de Igualdade, e atopa un punto en común entre as dúas facetas. "Ambas teñen que ver coa sociedade e fan que teñas unha perspectiva crítica", di. Porén, ten claro que polo momento o drag é un hobbie.
Aymar Note: "É bastante complicado que alguén che pague como drag king".
Conta que como o drag king adoita ser máis reivindicativo e ter máis crítica social, como é no caso da súa personaxe, probablemente por iso non interese difundilo. Con todo, Grey non perde as ganas e transfórmase en Aymar Note a golpe de reggae e súbese aos escenarios deixando atrás toda a vergoña que sentiría sen a máscara e a seguridade que lle aportou o drag. Ata o momento, o seu drag actuou en Irlanda e en distintos lugares de Galicia.
Foi o drag king Nico Elsker quen a axudou desde o primeiro momento difundindo todos os seus coñecementos e dándolle a coñecer a disciplina artística en profundidade, aínda que di que "aínda ten moitas cousas que ensinarlle". Tamén axudoulle a perder certos estereotipos e animouna a interpretar as cancións que quixera, sen importar se eran de homes ou mulleres. Así, Aymar Note puido interpretar nalgunha ocasión temas das cantantes Nathy Peluso ou María Ruíz.
Tal foi a súa importancia que o considera o seu "pai king" da mesma forma en que as drag queens se agrupan en familias e algunhas exercen de nais. Ademais, para ela é o seu máximo referente. Porén, non cre que sexa imprescindible contar cun familiar drag para iniciarse na arte, aínda que destaca a irmandade que hai entre drag kings ao ser unha minoría: "Penso que non é tan competitivo como no caso das drag queens", di Grey.
Aymar Note: "Para min a axuda de Nico Elsker supuxo saber o que é o drag king".
Na actualidade, ambos drag kings, xunto con Leonardo Fiebre, colaboran para sacar adiante a Gala Drag King. De feito, foi Aymar quen en 2022 animou a Nico para que a levaran a cabo tras unha primeira iniciativa en 2018. Este evento celébrano cada ano en Vigo, na zona de Churruca, e é o único deste tipo en Galicia e dos poucos que existen en España. Constitúe un espazo onde os artistas drag king poden ter acceso ao escenario e presentar as súas propostas, así como xerar un ambiente seguro de reivindicación e diversión.
"A Gala Drag King consigue poñer en valor o mundo drag king porque ao fin e ao cabo está Nico e pouco máis. Non hai un espazo ou un conxunto de persoas que se visibilicen. Isto é precisamente o que quere solucionar este evento", conta Grey. Ten a ilusión de que a festa creza tanto que teñan que celebrala na rúa.
Dentro das ofertas na cidade olívica tamén se poden enmarcar os talleres drag king que realizou Grey en ocasións. O primeiro fíxoo de balde dentro das actividades do Programa de Mocidade da Asociación Nós Mesmas, coa cal colabora, e o ano pasado repetiu, mais desta vez cobrando.
Destaca que este último foi moito mellor porque xa tiña máis experiencia e acudiu máis xente, incluso persoas coas que entablou unha relación de amizade despois. Engade que non só había mulleres e, ademais de ensinar de maquillaxe, tamén ensinou caracterización e interpretación.
Pese ao éxito destas propostas, Grey aínda ve moitos prexuízos, sendo considerado como "algo da noite" ou "perigoso", e descoñecemento cara o drag king: "Hai xente que non sabe a diferenza entre que é ser drag ou que é unha persoa trans", comenta. Non ten experiencias propias de discriminación, mais compañeiros seus vivíronas e é un medo que ten. "Non me gustaría ir soa maquillada pola rúa", di. "A Galicia aínda lle falta un impulso en canto a visibilizarse, mais creo que hai cousas que melloraron. Faltan espazos, pero penso que hai máis", conclúe.
Aínda que teña moitas cousas que aprender, Grey Olivera Piperno é un exemplo de como a arte pode ser empregada tamén de maneira activista e como pode axudarnos a establecer conexións con outras persoas. Sendo na actualidade un dos poucos drag kings de Galicia, Aymar Note segue a iluminar escenarios e a inspirar a moitos a buscar a súa propia voz.