top of page
Acreditación Kim Miller
Acreditación Kim Miller
flecha

Fai clic para coñecer máis!

En 2021 o vigués Santiago Fernández Miller chegaba a Santiago de Compostela para estudar Historia da Arte. Na clase coincidía cunha drag queen, Nomi Bull, que conseguiría, entre perrucas e maquillaxe, axudarlle a superar a disforia de xénero que sentía nese momento e descubrir unha faceta descoñecida da súa vida. Nacía así Kim Miller.

 

Conta que o proceso de creación da súa drag foi rápido e inesperado e que o máis difícil foi atopar un nome. Finalmente, adoptaría o da cantante Kim Petras mesturándoo co seu propio apelido materno. "Creo que Kim Miller é unha persoa con bastante enerxía e carácter, pero que tamén quere ser agradable e estar ben cos demais", defínea o vigués. Con todo, di que nestes anos a personaxe evolucionou tanto física como psicoloxicamente.

Comezou con referentes máis locais procedentes do bingo que ía ver en Vigo, xa extinto na actualidade, e agora súmanselles outros máis internacionais como as drags RuPaul, Gottmik ou Naomi Smalls. E sen esquecer, por suposto, á cantante que o bautizou.

Kim Miller comezou as súas andadas hai dous anos e en outubro de 2022 era recoñecida co título de Miss Deusa, o concurso de drag queens organizado polo dúo Las Supremas que se celebra en Lugo durante as festas do San Froilán. Alí Kim encandilaba ao público e aos xuíces coa súa enerxía e a súa gran capacidade para bailar e facer acrobacias.

En xuño de 2023 presentábase ao primeiro certame drag que se celebraba no Orgullo de Porriño, no cal non tivo sorte e acabou nas últimas posicións. Animado polo éxito do ano anterior, repetía no Miss Deusa 2024, mais desta vez a fortuna tampouco estaba da súa parte.

Tras a súa experiencia, Santiago decidiu abandoar os certames. Critica a situación destes, nos que pensa que ás veces hai demasiado "amiguismo" e non reflicten o traballo que hai detrás, moitas veces non remunerado. Recorda para ben outro concurso ao que acudiu en Madrid no que conseguira cartos por participar e os gañadores se escollían polos aplausos do públicos.

"Considero que está moi ben que os fagan e é unha boa forma de amosarlle á xente o que facemos, mais á hora de xulgarte non teñen tan en conta a calidade", opina o vigués. Por outra banda, engade que son unha boa forma de darte a coñecer cando empezas. Porén, agora prefire acudir a espectáculos nos que saiba que vai obter un beneficio e, desta maneira, levou a Kim Miller ao escenario do festival coruñés Atlantic Pride, do pub Claro Boba ou de distintos lugares de España.

Como estudante de terceiro de carreira, a súa vida está condicionada polo ámbito académico, polo que non se dedica ao drag a tempo completo. Durante a semana Santiago acude a clase, estuda e os sábados traballa nunha discoteca de Vigo como drag. Trata de conseguilo todo ben, mais di que ás veces é difícil ao tratarse de dúas facetas tan distintas, sobre todo agora que cada vez o chaman para actuar en máis sitios.

Kim Miller: "Sei que agora mesmo a miña vida primordial é a carreira".

Conta, ademais, que os seus compañeiros de clase saben que fai drag e moitos alaban o seu traballo, chegando incluso a acudir a algún dos seus espectáculos.

Porén, no futuro non cre que a Historia da Arte estea presente: "Sería capaz de facer as dúas cousas, mais principalmente gustaríame focalizarme só no drag". E é que o vigués desexa que pase de ser un hobbie a un traballo a tempo completo. Tendo en conta as dificultades que presenta a situación en Galicia, pensa en marcharse para tratar de cumplir o seu soño.

Ve lugares como Madrid, Barcelona, cidades de Andalucía ou Valencia como propicias, mais opina que neles tamén está presente a mesma problemática: "Este traballo caracterízase pola precariedade laboral e polos horarios intempestivos, é moi difícil vivir do drag e tes que estar matándote", sostén.

Na actualidade, Santiago logrou traer o drag á capital galega con outra compañeira, Liteah, mediante a festa das Drag Nights. Estas comezaron en outubro de 2023 con elas dúas e Leylah, a irmá drag de Liteah, na discoteca Bloom de Santiago de Compostela. Porén, non era a primeira vez que a disciplina se asomaba ao local. José Bouzas, xerente da discoteca, recorda espectáculos con artistas como Las Supremas de Lugo, Rosalinda Montenegro ou Morgana con motivo do Día do Orgullo LGTBIQ+ ou en festas temáticas. Con todo, eran propostas ocasionais.

Grazas á boa acollida inicial das Drag Nights, hoxe en día celébranse unha vez ao mes e contan coa presencia de artistas locais e invitadas e sorteos, proporcionados por distintos patrocinadores, algo que sorprendeu bastante a Santiago: "O xerente de Bloom animounos e eu pensaba que ninguén ía darnos nada, pero si que descubrín que as diferentes marcas si que están bastante interesadas".

Kim Miller: "Vímolo como algo necesario porque se non o facemos nós, quen o vai facer?".

Desta forma, Santiago desexa que a discoteca se converta noutro espazo onde teña cabida o drag galego e chegar a realizar festas máis grandes. Porén, José cre que é moi ambicioso tratar de converterse nun local de referencia para a disciplina en Galicia ao non ter escenario, como é no caso do Claro Boba. A maiores, Santiago ve un hándicap na cidade ao marchar practicamente toda a xente nova durante o verán. O vigués destaca ademais a dificultade de poder organizar eventos así en Galicia pola falta de locais, mais agradece a oportunidade que lles brindou José Bouzas e o público que recibiron ata agora.

Gratitude é tamén o que sinte Santiago cara Kim Miller, grazas á cal conseguiu aclarar as cousas con si mesmo e conseguir unha gran estabilidade: "Estaba pasando un momento terrible. Non sabía nin quen era, nin con que identificarme. Non tiña nada claro sobre min. Solucionoume a vida". 

 

"Aínda hai moitos prexuízos e visións de que, por exemplo, as drags son pederastas. Non somos válidas e crese que a nosa existencia está mal e ten que prohibirse", opina, referíndose á lei de Tennesse (Estados Unidos) que restrinxe as actuacións de drag queens para "protexer ás infancias". En Galicia ve unha boa situación nas grandes cidades, mais rememora unha escena que sufriu en Lugo, durante un Miss Deusa, cunha rapaza que os insultou.

Para Santiago a cultura drag galega medrou desde que comezou hai dous anos e cada vez respéctase máis, pero coida que pode haber menos de 50 artistas en toda a Comunidade Autónoma. A maiores, moitos pubs contratan directamente a persoas de fóra e xa recoñecidas, sen tratar de apostar polo máis local.

E iso é precisamente o que tratan de evitar as Drag Nights visibilizando o autóctono nun espectáculo no que ademais figura o compañeirismo e o mutuo apoio. Santiago Fernández Miller, quen parece que nunca será historiador, atopou a través de Kim Miller e da cultura drag a súa identidade e agora busca contribuír na súa expansión, probablemente tratando de devolverlle o favor.

Barra de labios

Fantasía e o demais | Paula Hernández | 2024

bottom of page