
Fai clic para coñecer máis!
Antes de ser Leonardo Fiebre, a actriz Leonor Sangabriel Domínguez era Leo Fever sobre os escenarios, a personaxe feminina que tiña coa súa compañía teatral travesti Marinita y sus Maromas. Ese apelido artístico recibírao debido a que tiña unhas décimas de febre, "fever" en inglés, cando performou burlesque por primeira vez.
En 2018, Marinita y sus Maromas decidiu organizar a primeira gala drag king de Galicia e Leonor aproveitou a personaxe que xa tiña de antes para transformala nun home, Leonardo Fiebre, quen ademais levaba o nome dun dos seus ídolos: Leonardo DiCaprio. Máis tarde, en 2019, Nico Elsker impartiu un curso drag king e foi a primeira vez que se caracterizou, xa con barba e todo. "Aí descubrín que había algo dentro de min que quería probar ese xogo de performar a masculinidade", conta a viguesa.
Ao principio Leonardo era un rapaz "chulo" e seguía o cliché do home cis heterosexual e normativo, e despois tomaría á figura de Pichi de Lina Morgan como punto de partida para crear unha personaxe máis castiza, española e clasista. "É un tipo de home que a min me dá un pouco de vergoña allea e noxo", di Leonor, mais interprétao para facer unha crítica das persoas que son así e tamén do sistema patriarcal.

De esquerda a dereita, Edu Domínguez, Leonor Sangabriel, Nicolás Martínez e Roberto casal. Fotografías de Miguel Vidal e cedidas por Leonor Sangabriel.

De esquerda a dereita, Edu Domínguez, Leonor Sangabriel, Nicolás Martínez e Roberto casal. Fotografías de Miguel Vidal e cedidas por Leonor Sangabriel.

De esquerda a dereita, Edu Domínguez, Leonor Sangabriel, Nicolás Martínez e Roberto casal. Fotografías de Miguel Vidal e cedidas por Leonor Sangabriel.

De esquerda a dereita, Edu Domínguez, Leonor Sangabriel, Nicolás Martínez e Roberto casal. Fotografías de Miguel Vidal e cedidas por Leonor Sangabriel.
Leonardo Fiebre é músico, compositor e canta cancións de David Bisbal ou de David Bustamante. Ten como referentes a Nico Elsker, o seu "pai king", a Marcus Massalami, pero tamén se inspira en persoas reais. Leonor vai ás tascas e ás rúas e ve como se moven os señores, e é desas experiencias cotiás das que parten as actuacións do seu drag king, aínda que sempre ten que levalo un pouco máis aló no contexto dos escenarios. "Os referentes están nas rúas, nos bares, nas nosas casas…", di a actriz. Con todo, confesa que outro referente é o seu avó paterno, quen era mariñeiro, moi patriota e lles contaba as súas historias coas mulleres.
Leonor define ao seu drag king como un home que cre saber o que quere, que ten que loitar contra o feminismo e polos dereitos do home, mais di que á súa vez agocha moitos medos e inseguridades e por iso se crea esa fachada de "macho". Conta que nalgún sketch deixou entrever esa faceta, mais normalmente Leonardo está bloqueado por esa coraza.
Pensa que para ser drag king non importa o teu xénero, mais ela como muller cre que é algo que lle dá unha forza e un poder que igual non experimenta con outras personaxes. Porén, recorda que cando empezou non confiaba no seu traballo: "Sentía que estaba ocupando un espazo que non me correspondía". Pese a esta "Síndrome da Impostora" inicial, o seu traballo e a boa resposta do público fixeron que pouco a pouco tivese máis seguridade en si mesma. Ademais, nunca sentiu discriminación interpretando ao seu drag king, a diferenza de cando estaba actuando como muller.
Leonardo Fiebre: "Sentín máis discriminación coa miña personaxe feminina que traballando drag king".
Algunhas persoas dinlle que Leonardo Fiebre é moi respectado, algo que fai rir a actriz tendo en conta a actitude e os valores da personaxe. Isto tamén reafirma a seguridade e a validación que aporta que a sociedade pense que es un home e Leonor cre que é toda unha revolución: "Sintes un poder e unha forza que realmente é túa como persoa, pero ao caracterizarte é unha movida". Tamén fixo que se cuestionase moitos comportamentos e pensamentos que tiña anteriormente.
Leonor é parte da compañía teatral travesti Marinita y sus Maromas e a través dos cabarets que fan logra introducir con frecuencia á personaxe de Leonardo. Foi en 2016 cando se converteu nun dos seus membros e nese momento coincidía cun antigo coñecido da Escola de Arte Dramática, Nicolás Martínez, tamén coñecido como Nico Elsker.
Nese momento, Nicolás estaba avanzando co seu drag king e a Leonor fascináballe o que facía. Desde o principio, Nicolás ofreceuse a ensinarlle e a axudala en todo o que podía exercendo o seu papel como "pai king". Foi quen a animou nesa gala de 2018 e quen fixo que se desenvolvese aínda máis nun taller drag king en 2019, aínda que é "moi humilde e di que el non fixo nada", di a viguesa. Na actualidade, ademais de compartir escenario, traballan xuntos con outro drag king, Aymar Note, para levar a cabo a Gala Drag King.
E é que tanto Leonardo como Nico e Aymar son os únicos drag kings que hai en Galicia. Comenta que hai persoas que practican de forma espontánea a disciplina, como é o caso do seu compañeiro Milo Bambino, ou unha única vez, o que fai que non aumente o número de artistas. Pensa que aínda hai moito por facer, pero non ve que a problemática veña da falta de infraestruturas. "Podes facer unha mini xira polas diferentes provincias, levar talleres a colexios, institutos, traballar con asociacións e incluso levalo a nivel nacional", propón.
Leonardo Fiebre: "Creo que unha cousa que hai que facer é chamar ás portas dos locais".
Ve que compañeiros como o propio Nico Elsker, Marcus Massalami ou Chile Güero foron anunciándose polos locais e pouco a pouco lograron ocupar máis espazos. Polo que cre que é preciso romper barreiras. "Penso que co Festival Drag King deste ano moita xente vaise animar e moitos locais van querer coñecer esta arte. Eu confío niso", afirma decidida.
Leonor tamén dá clases de teatro e traballa en varias compañías, mais soña con poder crear un espectáculo pechado e sólido de Leonardo Fiebre e vivir del: "Creo que nada é imposible, só un pouco máis difícil", di con ilusión, aínda que é consciente da precariedade que hai no ámbito.
Os prexuízos son outra das cousas que ve que están presentes e que pensa que non fan avanzar á disciplina, creados polo descoñecemento da poboación que continúa a vincular o drag cos homes que se visten para parodiar ás mulleres. "Queda moito por facer para que as mulleres poidamos estar ocupando espazos e xerar a revolución", conclúe Leonor, animando a todo o mundo a probar a arte drag king.
O teatro e a admiración por Nico Elsker foron as motivacións de Leonor Sangabriel Domínguez para crear a partir dunha personaxe feminina xa existente a Leonardo Fiebre. Se ben ao principio lle invadía a inseguridade e a "Síndrome da Impostora", está claro que na actualidade se atopa decidida a ocupar e a revolucionar os escenarios e a amosar unha personaxe que, aínda que non o pareza, é moi real.