
Fai clic para coñecer máis!
A Javier Sánchez Castro desde sempre gustoulle xogar coa norma, pero incluso cando aínda non era consciente de que o que facía definiría o seu futuro.
En 2019 atopou no drag unha ferramenta de expresión e un ano despois crearía a Meiga-i, incluíndo ademais a súa paixón pola cultura galega. Se ben foi en 2020, no contexto da pandemia, cando buscou darlle forma ao proxecto, o vigués destaca a organicidade coa que apareceu a personaxe na súa vida: "Foi algo que realmente xurdiu e deixei que nacese", conta.
Javier, quen tamén traballa como xestor cultural, creou á "drag pandeireteira" pensando en situacións doutras Comunidades Autónomas como Andalucía, nas que moitas artistas se basean na tradición folclórica, e vendo que non había nada semellante en Galicia.
"Eu sempre mirei un pouco con envexa á cultura andaluza por ter o folclore tan presente nas rúas", conta Javier. Partindo desta base, escolleu ás que considera que son as folclóricas galegas: Ana Kiro, Mercedes Peón e ás cantareiras en xeral, e continuou desenvolvendo a Meiga-i.
Para o nome, baseouse na meiga, unha figura na que ninguén cre pero "habelas hainas", pero entendéndoa como unha curandeira. O "i" final engadiuno para potenciar a ciencia ficción e a artificialidade e para crear un xogo de palabras. Porén, confesa que estivo un ano sen denominar á súa personaxe.

Meiga-i no programa da TVG Xuntos en directo (Javier Sánchez)
Súbese ao escenario coa súa pandeireta e recibe o interese do público, que probablemente nunca tal cousa vira. Neste momento, Javier decide escribir unha historia: "Meiga-i comeza sendo unha moza e remata sendo unha criatura". Remarca ademais que Meiga-i non é unha muller porque "non é humana", aínda que a súa inspiración se basee en figuras femininas.
A narrativa da súa drag consiste en como recibe as voces das folclóricas e busca liberar esta forza, que ás veces xoga na súa contra e xera un caos. "Meiga-i é a fantasía galega", resume o vigués. "Se as drags de Canarias fan as súas fantasías, eu fago a fantasía galega", afirma.
A palabra fantasía está moi presente en Meiga-i, xa que se encarga de proxectala en todo o que fai e vive nela, definíndoa como "un estadio da consciencia alterado". Desta maneira, colle elementos reais da Galicia máis tradicional e lévaos ao seu universo de ficción. Compárao co transformismo xa que afirma que, cando alguén se viste doutro xénero e deixa que lle habite outra sensibilidade, logra ver o mundo dunha forma distinta.
Como drag pandeireteira insiste en que non é nin drag queen nin king e, se a disciplina busca performar coa ruptura dos roles de xénero, Javier cre que non se deberían establecer clasificacións tan pechadas no propio ámbito.
Meiga-i: "Cometemos un erro que é querer facer entender desde a realidade un concepto de ficción".
De feito, conta que hai moita xente que non entende os seus espectáculos porque "pensa que é un home vestido de muller" e non conecta con esa fantasía. "É como tratar de entender a pintura abstracta partindo da renacentista", compara o vigués. Porén, opina que esa confusión tamén pode xogar no seu favor e facer que consiga reflexionar.
E é precisamente ese desexo por non deixar indiferente o que o leva a empregar a música tradicional, a percusión, a voz e, sobre todo, as historias. Escenarios como o do festival Agrocuir da Ulloa ou a quinta da Festa da Diversidade de Moaña foron nos que ubicou á drag pandeireteira e á súa forma distinta de performar co xénero. "De que comarca es?", preguntou incluso algunha vez buscando interactuar co seu público e ensinarlle unha lección.
Meiga-i logrou ir máis aló dos escenarios e das redes sociais e chegar ao "cuarto poder". En xullo de 2020 daba a coñecer á drag pandeireteira no Luar, o programa da Televisión de Galicia (TVG), e en abril de 2021 aparecía nun episodio de A miña familia pola túa, un reality da mesma cadea que consiste en intercambiar fogares. Nese episodio, Javier presentábase coa súa familia elixida, os membros da compañía teatral travesti Marinita y sus Maromas.
Estas supuxeron outras das poucas ocasións nas que o drag galego estivo presente nos medios de comunicación tras a aparición das Queenpostelas nos anos 90 tamén no Luar ou a participación de Las Supremas de Lugo en Factor X en 2018.
Tanto gustou o traballo da drag na TVG que apareceu en varias ocasións colaborando co programa de magazine Xuntos en directo, algo que tamén supuxo un reto para Javier á hora de colocar a Meiga-i seguindo as claves da televisión. Aínda que a súa presencia mediática non se limita só á corporación galega e tamén distintos xornais escritos se interesaron nel. "Sinto moita responsabilidade porque, ao final, as minorías cargamos un peso de representación, polo que sempre trato de facelo todo moi ben", confesa o vigués.
Nun espectáculo Meiga-i ten o control, pero nos medios ten que confiar nos demais, algo que ás veces lle custa. Con todo, gústalle a televisión, pensa que é un privilexio para el e atopa unha satisfacción engadida: "Gústame pensar que tal vez nun salón un neto dille á súa avoa que quere ir vestido coma min e, como sae na televisión, a avoa o aceptará".
Ademais de empregar a presencia mediática, Javier participou en Apocalíptica, unha plataforma que buscaba contribuír na difusión do drag en Galicia, e foi voceiro do comité Marikasxlafiesta, no que o drag e a performance van da man. Incluso chegou a aparecer nun videoclip do cantante Mondra.
Meiga-i ten claro que o seu maior inimigo é o "cosmopaletismo", que entende que o que fai non é universal ao basearse na cultura galega. Aquí entra outro debate, xa que pensa que hai unha cultura drag en Galicia pero non un drag galego como tal ademais do seu. Ve que moita xente importa referencias, pero el quere "exportar" e lograr que cada vez haxa máis "drags pandeireteiras".
Meiga-i: "Si que existe unha cultura drag en Galicia, pero é moi minorizada".
Pese a esta situación, Javier atopa nela unha vantaxe engadida que lle permite destacar no territorio galego, pero ao mesmo tempo tamén lle dificulta saír del: "É máis fácil chegar a lugares insospeitados como o Consello da Cultura que chegar a un teatro de Madrid, por exemplo". Ademais, nota que en Galicia hai que ser moi orixinal para chegar a algún punto e, pese a que ao vigués Meiga-i abriulle moitas portas, non vive exclusivamente do drag.
Engade que a cultura drag galega sigue as dinámicas da cultura galega en xeral: "moi minorizada", "moi no ostracismo" e "tratando de ter unha voz propia". Outro dos problemas que sinala é a falta de infraestruturas. "Na cultura drag galega falta moita autoestima, pero creo que é resultado de como está montado todo", conclúe.
Partindo do anterior, Javier cre que aínda hai moito por facer, xa que á minorización súmanselle os prexuízos. "Para min o drag é unha disciplina artística e o elemento co que traballa é o xénero", di, e como busca quitarlle importancia á norma establecida, en moitas ocasións reacciónase con violencia.
Drag pandeireteira ou creatura, Javier Sánchez Castro emprega a Meiga-i para seguir burlando o establecido e Meiga-i emprega a Javier para manifestar as mensaxes das folclóricas. Xa sexa a través dun espectáculo ou dunha aparición en televisión ambos teñen un obxectivo claro: difundir a cultura drag galega.