top of page
Acreditación Lucía Cabrero
Acreditación Lucía Cabrero
flecha

Fai clic para coñecer máis!

"Se ti foses nena, chamaríaste Lucía", dicíalle súa avoa a José Juan Pena Cuevas, quen naceu o 13 de decembro, o día de Santa Lucía. O apelido chegaríalle máis tarde a través dunha marca de botellas de auga, "Cabreiroá", e sería Lucía Cabreiro durante un tempo. Logo, pola súa dificultade de pronunciación acabaría sendo Cabrero ata o día de hoxe.

En 2017 levaríase a cabo no pub Claro Boba da Coruña un concurso drag chamado "Taconazo A La Yugular", cunha extensión de catro meses e que albergou distintas temáticas. Neste concurso tamén vendían fan packs, con chapas, tarxetas de recordatorio e os "taconazos", uns billetes falsos que se empregaban para dar propinas ás concursantes. Tras experimentar durante algúns entroidos, José Juan estrearíase nel como drag queen, e a partir dese momento comezaría a actuar como Lucía Cabrero e a afianzar o seu público, sobre todo no local.

O Claro Boba foi creado polo seu actual xerente, David Fuentes, movido pola forte conexión que tiña coa estética camp e para continuar co labor que realizaran outros locais da cidade dirixidos ao colectivo LGTBIQA+. O pub abriu as súas portas en xuño de 2012 e o primeiro show drag foi protagonizado por Las Supremas de Lugo en xaneiro de 2013 e desde aí comezaron a albergar espectáculos deste tipo. Comezaron con algunha actuación puntual e despois pasaron a ter unha drag residente, a santiaguesa Rastia Bideth.

"Co tempo seguimos construíndo sobre esa base e ampliando a oferta, apostando por artistas noveis que ao ver o que faciamos sentían a chamada, cal novicias do travestismo", conta David. Outro punto de inflexión no Claro Boba foi a visibilidade que lles outorgou o programa Drag Race e a pandemia, que fixo que moita xente se animase a explorar a fantasía.

David destaca que introducir o drag en Coruña foi un traballo moi longo e que nunca remata, mais toda labor ten os seus froitos. En 2019 o Claro Boba gañou o premio Marcela e Elisa por parte da Asociación ALAS A Coruña, que busca recoñecer o valor das persoas e entidades pro LGTBIQ+. "Fai que te deas conta da importancia e a responsabilidade que temos desde o traballo que facemos e tomámonolo moi en serio", di o xerente. "A festa tamén é activismo", conclúe. O premio foi tamén dirixido para as súas drags daquel momento: Geni Genial, Katerina Hotheels, Corea Cruise, Lola  e Lucía Cabrero.

Lucía Cabrero baséase "nas divas de toda a vida" como son Jennifer López, Beyoncé ou Madonna e en drag queens estadounidenses como Violet Chachki ou Aquaria. Con todo, a súa personaxe tamén bebe das influencias das folclóricas españolas Lola Flores ou Rocío Jurado. Porén, di que a súa drag cambiou moito fisicamente desde os seus inicios.

Tendo unhas referencias tan diferentes, a José Juan cústalle describir á súa drag: "Un día é folclórica, ao día seguinte é JLO. Outro día fai un show que se basea en facer a croqueta polo escenario mentres soa Ylenia e outro interpreta unha balada coa que a pouco máis e estou chorando". Di que o único constante é que sempre tratou verse "guapa", cunha estética moi marcada e sorprender nos seus números.

Lucía Cabrero: "Montar un show en si é un traballo. Confeccionalo e facer que todo funcione".

Tal é o empeño e o esforzo que lle pon José Juan aos seus shows que logrou fidelizar a un público que vai ver a propósito a Lucía Cabrero ou que sempre está preguntando por ela: "Estou moi contento con todo o cariño que recibín este tempo, o moito que valoran o meu traballo e o moito que se me quere", di o coruñés.

 

Aparte do Claro Boba, Lucía Cabrero levou os seus espectáculos a distintos lugares de Galicia e incluso doutras Comunidades Autónomas, mais o seu traballo nun supermercado moitas veces impediu que puidese asistir a moitos deles. Tamén logrou rachar coas fronteiras nacionais e asistir en dúas ocasións como espectador ao DragCon de Reino Unido, evento que reúne a drags de distintos países e onde Lucía Cabrero impresionou entre a xente: "É incrible ir camiñando e que che alaben a maquillaxe ou que se saquen fotos contigo", di.

José Juan di que Drag Race marcou un antes e un despois e que agora cada vez máis xente se interesa polo drag e acude ao pub de Coruña, pero denuncia que aínda moitas compañeiras se queixan da precariedade: "Igual fan un show en novembro e ata agosto non o cobran… se o cobran", conta, xa que nalgúns locais ata pagan con copas.

Desde a Rúa do Socorro número 37, o Claro Boba converteuse nun punto de referencia para o drag en Galicia e, di José Juan, "é o único que aposta por el e de verdade o apoia". E é que todos os meses recibe a artistas nacionais, entre eles exconcursantes de Drag Race, sen descoidar ás autóctonas. "Creo que en España non hai travesti que non saiba que é o Claro Boba", afirma o coruñés. Porén, pese á sorte de contar con este lugar, que para José Juan é a súa segunda casa, non é suficiente.

Lucía Cabrero: "Aquí non é posible vivir do drag. Noutras cidades si e traballando moito".

Ante esta situación, José Juan é realista, mais non perde as ganas: "Ser drag queen supón ser pobre, estar arruinada, que te doia o corpo, pero tamén significa levar moita ilusión, entreter a un público que te vén a ver e ser un referente", di o coruñés. Destaca que tamén son un punto de encontro e de información para as persoas do colectivo e que ata hai asociacións que contan con drags para chegar máis lonxe, como é no caso da Asociación LGTBIQ+ de Vigo PVLSE, que cando se fundou o 70% dos membros eran drags.

Hai anos José Juan Pena Cuevas decidía materializar todos os seus gustos nunha disciplina artística e crear a Lucía Cabrero, que comezaría a manifestarse de xeito puntual nas festas informais do Entroido. Logo pasaría a ser unha das drags do Claro Boba que recolleu un premio pola diversidade e que agora, noite tras noite, busca ofrecer o mellor de si. Na actualidade, pese a que cre que o drag nunca o fará rico, móvelle o amor do público e saber que está facendo algo: "Aínda que non o pareza, axudas a moita xente. Xa sexa apoiándoa na súa vida, entreténdoa unha noite ou animándoa a ser ela mesma", conclúe.

Barra de labios

Fantasía e o demais | Paula Hernández | 2024

bottom of page